Sunday 12 de May de 2024

Mobilidade remata os traballos de mellora de accesibilidade en Federico Tapia


A concellería está construíndo un tramo de beirarrúa en San Pedro de Visma e adecentou pasos peonís en Juan Montes e Enrique Mariñas así como un vial en Bens

A concellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de rematar os traballos de mellora de accesibilidade na rúa Federico Tapia. En concreto, actuaron en tres pasos peonís nos que realizaron saíntes para facilitar a súa visibilidade e os pavimentaron con plaqueta podotáctil. As obras, que comezaron o 14 de outubro, incluíron a ampliación da plataforma da parada de bus para que os autobuses poidan manobrar e que estea máis accesible. Aproveitouse igualmente a actuación para repavimentar o tramo de lateral da praza de Vigo en Menéndez Pelayo, renovando as canalizacións de servizos municipais e a recollida de pluviais. Os traballos executaronse dentro do contrato de mantemento de áreas peonís zona SUR. Dentro das melloras en Mobilidade, na rúa de Juan Montes, 14, e tras a proposta dos veciños e veciñas, adecentouse a praza de minusválidos e o paso peonil. Por último, na rúa Enrique Mariñas elevouse un paso para favorecer a mobilidade dos peóns e peoas e provocar que os condutores e condutoras reduzan a velocidade ao teren que superan o badén.

Por outra parte, en San Pedro de Visma estase a construír un trozo de beirarrúa, á altura do número 51, da rúa San Pedro de Visma. Con esta actuación dáselle resposta a unha demanda veciñal xa que ata agora tiñan que invadir a calzada para poder circularen porque o tramo estaba sendo usado como zona de aparcamento. Desde a concellería explican que se está mellorando a accesibilidade dos dous pasos peonís do vial en cuestión e estiman rematar todo a semana que vén. O barrio de Bens viu incrementada a súa mobilidade tras o adecentamento dun dos

seus viais que se repavimentou e se recolleron as pluviais atendendo á petición dun veciño cunha discapacidade física.

Xa en período de execución, na avenida da Concordia, estanse reformando as paradas de bus instaladas nos números 9 e 14, coa ampliación de beirarrúas e dotándoas de sinalización de accesibilidade. Desde a concellería, informan de que a obra estará lista antes do Nadal.